Dar en solitario a volta ao mundo con vela desafiando o trastorno do espectro autista
Dar en solitario a volta ao mundo con vela desafiando o trastorno do espectro autista
Johannes Li, alemán de 19 anos, está a realizar unha travesía a vela en solitario
No veleiro aprendeu a navegar Johannes aos 11 anos, un ano despois de lle diagnosticaren espectro autista
Recíbeno por mar membros do Club Marítimo de Oza, na Coruña, onde permanecerá os próximos días. Xa en terra, danlle a benvida integrantes da Asociación Galega de Asperger. Johannes Li, alemán de 19 anos, está a realizar unha travesía con vela en solitario. Iniciouna en xuño do ano pasado en Holanda e ten previsto percorrer o Mediterráneo.
"Na miña vida, hai anos, como tiña o problema do autismo e ao principio as persoas coma min estabamos limitadas polos estereotipos, iso deume a idea de poder modificar esa forma de pensar da xente. E como me ecanta ir ao mar, decidín que a forma de mudar iso era facer esta viaxe", explica Johannes Li, alemán de 19 anos con autismo que quere dar a volta ao mundo navegando en veleiro.
A Asociación Galega de Asperger loa a fazaña de Johannes pola visibilidade que lle dá ao trastorno de espectro autista en que a asociación traballa desde 2006.
"Son capaces, poden derrubar barreiras, poden, se queren, manter os seus soños e facelos realidade. Para nós é un orgullo que esta persoa tomara esta decisión por ela mesma de dar a volta ao mundo", expón a directora de ASPERGA Marisol García.
No veleiro en que navega actualmente aprendeu a navegar Johannes aos 11 anos, un ano despois de que lle diagnosticasen espectro autista. É un barco que data de 1965 e que el mesmo restaurou. Demasiada idade quizá para dar a volta ao mundo, pero iso non impide que Johannes persista no seu soño. De feito, para lograr o seu obxectivo está á procura de quen apoie o seu proxecto para poder facerse cun barco que lle permita cruzar o Atlántico.