Darias anuncia que as empresas decidirán sobre o uso da máscara no traballo
Darias anuncia que as empresas decidirán sobre o uso da máscara no traballo
A partir do mércores xa non serán obrigatorias en interiores
Non desaparecen en hospitais, residencias e transporte público
O mércores as máscaras deixarán de ser obrigatorias en interiores. Iso si, nas empresas serán os servizos de prevención de riscos laborais os que determinen se hai que seguir utilizándoas. A ministra de Sanidade, Carolina Darias, confía en que a retirada da máscara, agás en determinados espazos coma o transporte ou os hospitais, non supoña unha repunta nos contaxios.
Desde o concello das Palmas de Gran Canaria, onde participou nun acto sobre o VIH, a titular de sanidade lembrou que será o martes cando o Goberno aprobe o real decreto que fixará a fin do uso obrigatorio dos tapabocas en determinados espazos de interior a partir do día seguinte.
Carolina Darias non quixo concretar cales serán os lugares onde a máscara seguirá sendo obrigatoria. En calquera caso non haberá excepcións no transporte público, nos hospitais e nas residencias de maiores. A norma tampouco se aplicará igual en todos os postos de traballo.
"Serán os servizos de prevención de riscos de cada empresa os que determinarán en que ámbito son obrigatorios e onde non, non obstante a concreción farase no real decreto que publicaremos no BOE", explica.
O decreto, dixo a titular de Sanidade, incluirá esa corrección para que non haxa dúbidas. Os sindicatos piden que se escoite os traballadores e que se teñan en conta as particularidades de cada empresa.
"Que sexan decisións colexiadas entre a empresa e os traballadores e traballadoras", explica Carmen Marrero, de CC.OO.
"Se desobedece a medida reiteradamente no tempo, pode levar a un despedimento disciplinario", asegura o avogado Adrián Plasencia.
No caso dos empresarios, se non estudaron o uso das máscaras e hai algún contaxio, as multas poden chegar aos 50.000 euros.
O adeus ás máscaras coincidirá coa fin das vacacións da Semana Santa pero a ministra de Sanidade cre que non haberá unha repunta nos contaxios porque a situación actual, di, é moi diferente e ademais confía en que a maioría da poboación siga tendo o mesmo coidado que demostrou ata o de agora.