Publicador de contidos
Publicador de contidos

Davos: para reconstruír a confianza, por María Cadaval

OPINIÓN

Davos: para reconstruír a confianza, por María Cadaval

G24.gal 16/01/2024 08:07

O Foro Económico Mundial de Davos leva medio século reunindo máis de mil líderes empresariais, cen representantes gobernamentais e tamén líderes da sociedade civil, persoas expertas e axentes do cambio. O World Economic Forum (WEF) naceu en Suíza no ano 1971 coma unha organización sen ánimo de lucro creada por un profesor da Universidade de Xenebra que pretendeu introducir a forma americana de xestionar compañías nas firmas europeas, mais aquilo deu lugar a un cumio internacional de impacto mundial.

Tras a chamada de atención do ano pasado, en que o lema dicía “Para que a economía funcione, as empresas deben xerar riqueza e emprego”, agora pon o acento na reconstrución da confianza, a descarbonización e a intelixencia artificial. Tras un ano crítico nas relacións internacionais e con grandes tensións xeopolíticas, o encontro pivota sobre catro grandes temas:

- Seguridade e cooperación, coa ollada posta en Oriente Medio

- O Crecemento e o emprego da “nova era”, para evitar o baixo crecemento e discutir os elementos chave da xeración de riqueza

- A intelixencia artificial como motor económico e social

- A estratexia a longo prazo de crecemento e respecto ao medio ambiente, coa seguridade alimentaria, enerxética e de auga como pano de fondo

Neste cumio estarán os cinco homes máis ricos do mundo, os mesmos que duplicaron a súa riqueza dende o ano 2020. Eles son: 1) Elon Musk, 2) Bernard Arnault, 3) Jeff Bezos, 4) Larry Ellison e 5) Warren Buffett. As súas fortunas equivalen ao PIB de España. E se a estes lle xuntamos os outros cinco ricos seguintes, acaparan máis do PIB de América Latina e África xuntos.

Non estarán representados, non obstante, aínda que se falará deles, os 5.000 millóns de persoas que se empobreceron nestes tres últimos anos, atendendo a razóns derivadas dos desastres naturais e das guerras. Os pobres son cada vez máis pobres e os ricos cada vez máis ricos, ata o punto de que se espera que en menos dunha década haberá “homes Estado”, é dicir, que superarán o billón de dólares. Estas son as conclusións do Informe Desigualdade S. A. que cada ano elabora Oxfam Intermon antes da cita do WEF.

A rendibilidade do traballo está moi lonxe da rendibilidade do capital, que no último século acadou o 30 % de rendemento medio, lonxe do 4 % do traballo. Falarase outra vez máis de como repartir a riqueza ou de como os impostos poden contribuír a que os milmillonarios tributen para permitir un chisco mais de repartimento.

En España a situación é semellante. O 1 % das persoas máis ricas move o 22 % do PIB, é dicir, un de cada cinco euros. Ademais, ese 1 % posúe a mesma riqueza que a metade do país. A desigualdade duplicouse na última década. Unha desigualdade persoal que se reflicte tamén nunha desigualdade empresarial. As grandes multinacionais dispararon os seus beneficios dende a COVID-19, mais non así os salarios dos empregados nin tampouco a creación de emprego. E a isto engadimos os datos do Fondo Monetario Internacional de que o 40 % dos empregos poden mudar ou desaparecer cando irrompa a intelixencia artificial na súa plenitude.

Desigualdade global, desigualdade específica de país e desigualdade empresarial marcarán o ton do debate nesta nova cita anual nos Alpes. Cómpre un paraugas supranacional que poña os medios necesarios para contribuír a reducir a desigualdade que se evidencia agora.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade