Publicador de contidos
Publicador de contidos

Decepción en Betanzos pola cancelación do lanzamento do globo de san Roque

Decepción en Betanzos pola cancelación do lanzamento do globo de san Roque

Os veciños concentraranse o próximo xoves en sinal de protesta

A Fundación Globo de San Roque aduciu falta de tempo para construír o aeróstato

G24.gal 16/07/2023 14:11 Última actualización 16/07/2023 14:19

O venres confirmáronse os rumores que circulaban dende había días por Betanzos: cancelábase o lanzamento do globo de papel, o momento máis agardado das festas de san Roque. A noticia provocou decepción e indignación a partes iguais entre os veciños, que preparan unha concentración de protesta para a tarde do próximo xoves, coincidindo coa celebración do pleno municipal.

A Fundación Globo de San Roque confirmou que non haberá aeróstato a través dun comunicado no que aduce falta de tempo para a súa construción. A fabricación artesá do globo esixe meses de traballo e a un mes das festas o proceso nin sequera comezou.

Unhas cincuenta mil persoas asisten cada ano ao lanzamento. A familia continuou durante case século e medio a tradición iniciada por Claudino Pita en 1875. O globo só faltou á cita en ocasións puntuais e moi xustificadas, como a Guerra Civil ou a pandemia. 

O Concello de Betanzos preside a fundación encargada de conservalo e protexelo. A entidade comprometeuse a que o aeróstato si estea nas festas de san Roque do próximo ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar