A acusada de matar a compañeira de piso en Valdeorras di que moitos clientes tiñan chave da casa
As acusacións están convencidas de que asasinou a moza por cartos, pero ela declárase inocente
En Ourense declarou este xoves a muller acusada de matar a súa compañeira de piso no Barco de Valdeorras.
As acusacións están convencidas de que o fixo por cartos…, pero ela nega con rotundidade ser a autora do crime.
"Cando prendín a luz, a miña amiga estaba no chan. Para min era como unha irmá", declarou a acusada.
Entre saloucos, Fátima negou ser a responsable da morte de Leticia. Tan só contestou as preguntas do seu avogado.
Segundo dixo, cando chegaron ao piso que compartían despois do traballo, cearon e cada unha foi para o seu cuarto. Ela, afirmou, puxo uns auriculares, e non volveu saber nada da vítima ata que chamou á súa porta contra as dúas da tarde e a atopou morta.
Subliñou que recibían clientes no piso e que algúns deles mesmo tiñan chave.
Negou ter problemas económicos ou débedas con Leticia, mesmo dixo que lle deixara diñeiro, segundo ela pola presión que sentía a vítima para enviar cartos á súa familia en Paraguai.
"En moitas ocasións eu deixeille diñeiro a Leticia. Ganaba máis ca min, pero...".
Recoñeceu ter carácter, pero non para facer dano.
Antes dela declarou o forense, que confirmou que Leticia morreu asfixiada cun obxecto brando entre as 4 a 6 da mañá. Tamén declararon varios peritos policiais, entre eles o que analizou os móbiles.
Os teléfonos da vítima, que nunca chegaron a aparecer, movéronse do seu cuarto á cociña pola mañá cando xa estaba morta, pero non saíron do piso.
O xuízo retomarase este venres coas conclusións das distintas partes. A acusada enfróntase a penas de entre 12 e 20 anos de cadea.