Denuncia que un albergue provoca graves filtracións de auga á súa vivenda de Santiago
Denuncia que un albergue provoca graves filtracións de auga á súa vivenda de Santiago
Un informe pericial encargado pola comunidade de veciños ditamina que a orixe das humidades é a mala execución dunha obra no inmoble superior
Os responsables do albergue alegan que ata hoxe mesmo non recibiran o informe pericial e que, se son responsables das humidades, se farán cargo
As filtracións de auga que sofre esta veciña dos Concheiros, en Santiago, na súa vivenda, veñen de tempo atrás, pero nos últimos tempos foron a máis e denuncia que se sente impotente ante a falta de solucións.
Segundo ditamina un informe pericial encargado pola comunidade de veciños, a orixe das humidades é a mala execución dunha obra no inmoble superior, habilitado desde hai uns anos como albergue de peregrinos.
Ademais, a filtración de auga xa afectou a instalación eléctrica, e a iluminación desta parte da vivenda está inutilizada.
O problema quedou atenuado durante o confinamento, ao permanecer pechado o establecemento e quedar sen usar os baños. Pero agora empeorou, segundo testemuñas dos veciños do edificio, que trataron o tema na xuntanza da comunidade.
Os responsables do albergue alegan, en resposta á Televisión de Galicia, que teñen todas as licenzas en orde e que ata hoxe mesmo non recibiran o informe pericial que determina que son responsables das humidades e de facer as reparacións oportunas das que, aseguran, se farán cargo de inmediato.