Denuncian a alta sinistralidade da nacional 541 en Boborás
Denuncian a alta sinistralidade da nacional 541 en Boborás
Segue ingresada, en estado moi grave, a condutora do turismo que onte chocou contra un camión no Paraño
Os usuarios habituais desta estrada advirten da súa perigosidade, sobre todo por mor dos animais salvaxes como corzos e xabarís
A condutora do turismo, que tivo que ser liberada porque quedou atrapada de cintura para abaixo, está ingresada na unidade de reanimación do hospital de Ourense. É unha veciña do Carballiño, de 56 anos. O seu coche chocou contra o camión e, do impacto, saíu disparado contra o muro dunha casa.
É o accidente máis grave dos que se levan producido ultimamente nesta estrada, pero, segundo Protección Civil, teñen que intervir practicamente a diario por sinistros nesta vía.
Óscar Domínguez, voluntario de Protección Civil de Boborás: "Moitas saídas de vía, en moitos casos con resultados moi graves, sobre todo por atropelos de animais salvaxes".
Corzos e xabarís son a causa principal da sinistralidade nesta vía que discorre por zonas pouco poboadas. Tamén se queixan das curvas e da escasa visibilidade nesta época do ano. Unha petición que secundan outros concellos polos que discorre a nacional 541, entre O Carballiño e Pontevedra.