Denuncian graves deficiencias no transporte escolar da comarca de Santiago
Denuncian graves deficiencias no transporte escolar da comarca de Santiago
As familias quéixanse da impuntualidade, da falta de prazas e do mal estado dos autobuses
Esíxenlle á Xunta e a Monbus unha solución urxente
As familias de numerosos centros escolares da comarca de Santiago denuncian os graves problemas de seguridade e puntualidade do servizo de transporte desde que foi asumido pola nova concesionaria, Monbus. Desde a empresa aseguran que se trata de desaxustes entre as prazas e horarios do contrato e as necesidades reais dos centros, e que están en vías de solución.
A maior parte dos alumnos deste colexio de Vedra, ou do Instituto de Cacheiras, como na maioría dos centros do rural, utilizan o autobús. Pero as familias denuncian que o servizo adoece de graves problemas desde que ten a concesión a empresa Monbus. A impuntualidade é unha delas. Xéralles incerteza cada maña ao non saber se os nenos chegarán a tempo a clase e como van ir.
Pero a lista de incumprimentos e deficiencias do servizo que denuncian as familias é interminable: falta de limpeza, prazas insuficientes, falta de acompañantes ou o descoñeementos dos condutores das rutas que teñen que facer porque cambian a diario.
Desde a empresa concesionaria aseguran que se trata de desaxustes que están en vías de solución. A Federación de ANPAS de Santiago convocou para mañá mobilizacións en varios dos centros afectados para esixirlles á Consellería e á empresa unha solución urxente.