Publicador de contidos
Publicador de contidos

Denuncian o abandono dunha estrada en Vilardevós

Denuncian o abandono dunha estrada en Vilardevós

A empresa deixou a obra sen rematar polo encarecemento dos materiais

Os veciños levan 10 meses circulando por un treito de terra cheo de fochancas

G24.gal 14/12/2022 13:54

En febreiro comezaron as obras de reparación da estrada OU-1006, que comunica a capitalidade municipal de Vilardevós con media ducia de aldeas ata a fronteira con Portugal. Empezaron con normalidade, coa previsión de rematar para o verán, pero á empresa non lle saían as contas e plantou os traballos.

"Presupostan a obra á baixa para darlla a unha empresa. Despois a empresa non ten cartos para pagar e para a obra, pero a culpa non é da empresa, é de quen lle dá a obra por non facer as cousas correctamente". "Dun xeito ou doutro tiñan que tratar de arranxala cando antes e darlle servizo á xente, que paga os seus impostos e o imposto de circulación", lamentan dous veciños.

Desde que pararon as obras, esta é a situación á que teñen que enfrontarse diariamente os veciños afectados: un treito de terra, cheo de fochancas que foi empeorando coa chegada das chuvias: "Eu non gaño para rodas e amortiguadores e todo. E os impostos pagámolos no concello", protesta un condutor.

A alternativa é dar un rodeo que pode chegar a dez ou doce quilómetros dependendo do punto de partida. "Baixan a Vilarello e despois veñen por unha pista que non é gran cousa pero ándase mellor", explica un veciño.

Rosa é taxista. Percorre ese treito varias veces ao día. "Utilizámola moito. Hoxe xa pasei seis veces. Tanto no verán coma no inverno é malo de levar. Agora parece que xa está solucionado, pero xa leva unha boa temporada. É unha pena que se alonguen os prazos así", sinala.

A estrada depende da Deputación, que chegou a un acordo coa empresa. Para evitar a vía xudicial e novos atrasos, anunciou que subcontratarán os traballos restantes para retomar as obras a principios do ano que vén.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade