Denuncian unha praga de ratas no barrio coruñés do Martinete
Denuncian unha praga de ratas no barrio coruñés do Martinete
Din que os roedores campan ás súas anchas e que xa se meteron en garaxes e vivendas
Veciños do barrio coruñés do Martinete cravaron cruces de madeira nun terreo cheo de maleza e herbas para dar conta do estado en que se atopa o barrio. "Está completamente abandonado. E con estas cruces queremos que se vexa que isto é un cemiterio urbanístico", explica unha veciña.
Din que o terreo é un niño de ratas. Malia que non son as únicas inquilinas que viven nel. "As ratas campan ás súas anchas. E ata entraron xa nalgún garaxe e nalgunha vivenda". "Ao haber tantas ratas, hai tamén unha morea de gatos. E mosquitos... e moitos máis animais", comentan residentes do barrio.
Levan tempo reclamando, sen éxito, que limpen o terreo que se converteu nun foco de infección. Séntense abandonados.
Explican que non hai máis que ver o que pasou cun esqueleto urbanístico, co que levan convivindo e aturando unha morea de problemas desde hai xa quince anos. "Ese edificio abandonado está ocupado ilegalmente e algún veciño xa tivo problemas. Ata tiraron petardos días atrás para asustar os residentes", asegura un veciño do barrio.
Fartos, esixen un plan de desratización e a limpeza do terreo, pero tamén que o Concello se comprometa a actuar.