As depuradoras de moluscos temen que os criterios de Costas acaben co sector
As depuradoras de moluscos temen que os criterios de Costas acaben co sector
O presidente da AGADE di que o Goberno central xera inseguridade xurídica co seu informe sobre a reforma do porto de Tragove
Roberto Fariña pídelle ao Ministerio de Transición Ecolóxica que sexa sensible á realidade socioeconómica de Galicia
O presidente da Asociación Galega de Depuradores e Comercializadores de Moluscos (AGADE), Roberto Fariña, amosou na Radio Galega o seu rexeitamento ao informe emitido pola Dirección Xeral de Costas sobre o proxecto de reforma do porto cambadés de Tragove, que pon en dúbida a continuidade de tres depuradoras.
"Cuestiona a presenza en terreos portuarios de actividades tradicionalmente permitidas, como a acuicultura e a depuración de produtos do mar e a súa transformación", asegura.
Considera que o Goberno central achega inseguridade xurídica sobre empresas que levan décadas investindo no tecido produtivo galego.
Roberto Fariña afirma que de aplicárense os criterios dese informe a outros portos galegos o seu efecto sería demoledor e poría en risco de desaparición a todo o sector da industria do mar.
O presidente da Asociación Galega de Depuradores tamén sinala que a actuación do Goberno central supón unha invasión de competencias.
"O Goberno central interfire na xestión e explotación dos portos autonómicos, que son competencia plena da Xunta", sostén.
Roberto Fariña reclámalle diálogo ao Ministerio de Transición Ecolóxica e que sexa sensible á realidade económica e social de Galicia.
"As empresas do mar, da conserva e da transformación requiren unha localización a carón do mar, así naceron e así o necesitan", subliña.