Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous traballadores quedan feridos graves ao derrubarse un escenario que se estaba montando para O Son do Camiño

Dous traballadores quedan feridos graves ao derrubarse un escenario que se estaba montando para O Son do Camiño

O presidente da Xunta confía en que se poida celebrar O Son do Camiño

Todos os afectados, seis en total, catro deles leves, foron trasladados ao hospital

Os catro feridos leves foron dados de alta

No momento do suceso, do que se investigan as causas, había unhas 20 persoas traballando na estrutura

G24.gal 10/06/2022 12:50 Última actualización 10/06/2022 21:16

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, di que se están investigando as causas do sinistro que este venres deixou 6 persoas feridas no Monte do Gozo, en Santiago.

6 operarios resultaron feridos ao derrubarse un escenario que se estaba levantando para o festival O Son do Camiño.

Rueda confía en que o festival poida seguir adiante.

As autoridades elevaron a seis as persoas que quedaron feridas polo derrubamento, dúas delas de carácter grave. As catro persoas con prognóstico leve xa foron dadas de alta.

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, confirmou desde o mesmo lugar do sinistro que foran trasladados ao Complexo Hospitalario de Santiago, e que "aparentemente non se teme pola súa vida".

O escenario que se derrubou é o palco principal do festival, e nestes momentos investíganse as causas que provocaron o seu colapso, ocorrido contra as 12:30 deste venres. No momento de montar unha torre caeu parte da estrutura. O primeiro que se fixo foi socorrer os feridos e asegurar o andamiaxe para que os equipos de emerxencia puidesen traballar sen risco.

Un helicóptero medicalizado desprazouse de inmediato ata o punto do accidente. Tamén se mobilizaron varias ambulancias que trasladaron os feridos ao hospital universitario de Santiago. Dúas horas máis tarde podiamos ver un deles na porta de urxencias, cun brazo ao colo e aínda en shock.

O sindicato Comisións Obreiras anunciou que lle vai pedir á autoridade laboral que se revisen as condicións en que se desenvolven os traballos de montaxe do festival.

No momento do sinistro había unhas 20 persoas traballando nesa estrutura.

O festival O Son do Camiño ten prevista a súa celebración a próxima semana, entre os días 16 e 18 de xuño, logo da suspensión durante os dous últimos anos a causa da pandemia. The Chemical Brothers, C. Tangana e Liam Gallagher son algúns dos artistas que figuran no cartel deste festival no que haberá 40 actuacións. 

Polo momento non está en cuestión a celebración do festival que queda en función da evolución da investigación do sucedido por se fose preciso manter inalterado o lugar do accidente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade