Publicador de contidos
Publicador de contidos

Normalizada a situación no Hospital Central de Asturias tras o desaloxo por unha ameaza de bomba

Normalizada a situación no Hospital Central de Asturias tras o desaloxo por unha ameaza de bomba

Desaloxárase en parte o servizo de Urxencias, pero a inspección dos Tedax e de axentes con cans especializados en detección de explosivos non atopou nada

Volven recibir pacientes e xa están no centro os doentes leves e os familiares que tiveran que saír

G24.gal 11/05/2023 01:07 Última actualización 11/05/2023 02:38

Normalízase a atención no servizo de Urxencias do Hospital Universitario Central de Asturias, en Oviedo. O HUCA fora desaloxado en parte durante unhas tres horas por unha ameaza de bomba, que resultou ser falsa.

As autoridades sanitarias do Principado informan de que a inspección realizada por membros das forzas e corpos de seguridade do Estado non atopou ningún artefacto explosivo: nin nesa área, nin en ningunha das plantas de hospitalización. Tampouco no resto do complexo.

Con iso, volven recibir pacientes e regresaron os leves que foran desaloxados. Tamén están xa no centro os familiares que tiveran que abandonalo: parentes dos doentes que permaneceron no servizo por estaren máis graves, atendidos polo persoal imprescindible.

A Policía Nacional seguiu o protocolo para estes casos

A chamada coa ameaza de bomba recibíase pasadas as 22 horas e de inmediato se despregaba o dispositivo da Policía Nacional que decidía a evacuación parcial das Urxencias. Os axentes tomaron o aviso con seriedade malia a que lle deron escasa veracidade. 

Tanto o presidente do Principado, Adrián García Barbón, como a Delegación do Goberno en Asturias chamaron á calma.

O Hospital Universitario Central de Asturias é o de referencia na comunidade veciña. Conta con arredor dun milleiro de camas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade