Desaloxan un edificio de catro andares na Estrada por un incendio
Desaloxan un edificio de catro andares na Estrada por un incendio
O lume propagouse axiña polo material illante da fachada
Os estoupidos que partían do cadro eléctrico alertaron os veciños arredor da unha da mañá
Arredor da unha da mañá uns fortes estouridos alertaron os veciños do número 6 da rúa Rosalía de Castro da Estrada. O material illante da nova fachada do edificio transformouse nunha candea que fixo que o lume prendese axiña no lateral de todos os pisos desa ala e sorprendera os residentes do inmoble.
Parece claro que o lume partiu do cadro eléctrico da fachada, e que foi posiblemente un curtocircuíto o que fixo de detonante para que se incendiase o material que reviste o edificio. A combustión provocou un intenso fume que afectou a zona de acceso ás vivendas, por iso algúns dos residentes preferiron esperar a que chegasen os bombeiros para saír da casa.
O Grupo de Emerxencias local e os bombeiros do Deza estiveron unhas tres horas atallando o lume, asegurándose de que non quedasen puntos nos que puidese reavivarse e verificando o estado das vivendas para realoxar os veciños. A maioría puido volver porque vivían no costado que non resultou afectado polo incendio.
Na vertente queimada, o andar máis danado foi o terceiro, no que o lume chegou a entrar nunha das estancias do piso. Segundo a información difundida polo 112, a situación complicouse cando prendeu nun colchón que estaba preto da fachada. Todo o edificio quedou sen subministración eléctrica ata que se reparen as conducións queimadas.