Un lume obriga a desaloxar unha torre de trece alturas en Ferrol

As lapas destruíron un piso do sexto andar sen causar danos persoais

Dentro da vivenda estaban durmindo un mozo e mais o seu pai

O edificio desaloxado
G24.gal 05/11/2023 12:00 Última actualización 05/11/2023 12:35

Unha torre de trece alturas tivo que ser desaloxada sobre as catro desta madrugada a causa dun lume no barrio ferrolán de Caranza.

O incendio comezou nun cuarto do sexto andar, supostamente a partir dun problema nun calefactor eléctrico. Na vivenda había un mozo que espertou polo forte cheiro a fume, e só tivo tempo de axudar o seu pai a fuxir da estancia.

As lapas rebentaron os tabiques e os cristais que caeron en anacos pola fachada, mentres a veciñanza abandonaba o inmoble. Os bombeiros de Ferrol, que actuaron con todos os seus efectivos dispoñibles, evitaron que o lume alcanzase o resto do edificio.

Non se produciron danos persoais, pero a vivenda afectada sufriu danos cuantiosos, así como o andar inmediatamente superior. As persoas residentes puideron regresar aos seus domicilios pouco tempo despois.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade