Desarticulada unha rede de tráfico de heroína que operaba en Carballo
Desarticulada unha rede de tráfico de heroína que operaba en Carballo
A Garda Civil dá por desartellada unha rede que vendía heroína por distintos concellos da comarca de Bergantiños, incautouse de máis de dous quilos desa droga e detivo un veciño de Vilanova de Arousa, que ao parecer era quen se desprazaba ata Carballo coa heroína para distribuíla en varios puntos.
No operativo, denominado Turaco, e realizado polo Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña, comisouse tamén un vehículo de alta gama.
Nos últimos meses, este equipo da Garda Civil detectara unha importante repunta da venda e consumo de diferentes substancias estupefacientes na localidade de Carballo. Na investigación, constatouse que unha das principais vías de subministración desta substancia na localidade era un home veciño de Vilanova de Arousa, coñecido pola Garda Civil pola súa vinculación co tráfico de drogas.
O home desprazábase regularmente a distintos puntos de Carballo "para fornecer importantes cantidades de substancia estupefaciente, principalmente heroína, e vendérllela a diferentes distribuidores da localidade".
"Para iso, utilizaba nos seus desprazamentos grandes medidas de seguridade, que dificultaban enormemente o labor policial sobre o investigado", engaden os investigadores.
Finalmente, o pasado 14 de outubro, a Garda Civil da Coruña interceptou ao principal investigado nun dos supostos transportes que efectuaba á localidade de Carballo, achando nun compartimento oculto do turismo a cantidade de 2.200 gramos de heroína, procedendo nese momento á detención de M.F.V., de 46 anos.
Logo de pasar a disposición xudicial, o titular do Xulgado de Instrución número 1 de Padrón acordou o ingreso en prisión.