Deseñan un can-robot capaz de guiar persoas con discapacidade
O aparello, ao que chaman Tefi, camiña a catro patas e emprega a intelixencia artificial, os seus sensores e a conexión á internet para identificar obxectos, obstáculos e sinais e realizar a navegación

Investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) de Madrid crearon un can-robot dotado dun sofisticado sistema de intelixencia artificial capaz de guiar persoas dependentes ou con algunha discapacidade.
Entre as súas múltiples prestacións destaca a capacidade de distinguir de forma inequívoca entre un obxecto e unha persoa, grazas ao seu sistema de aprendizaxe automática e á cámara que leva incorporada na cabeza. Ademais o prototipo deseñado polo CSIC está conectado a Google, e iso permite que o robot coñeza en tempo real a situación do tráfico e comunicarlla mediante a voz á persoa que ten que guiar ou a outras persoas.
E como se chama este aparello que pode substituír os cans guía de toda a vida? Pois Tefi, un nome que lle vén do Instituto de Tecnoloxías Físicas e da Información (ITEFI) do CSIC onde foi deseñado.
Din os creadores que para o deseño de Tefi se inspiraron nos propios cans que fan as funcións de acompañamento ás persoas invidentes, malia que o seu aspecto sexa metálico e os seus movementos bruscos e milimetrados, que evidentemente o afasta de parecer un animal.
O CSIC explica que o robot conta cun sistema de GPS para a navegación en exteriores e aproveita ferramentas como Google Maps para guiar ata distintos lugares, como tendas, restaurantes e hospitais.
Así mesmo, os investigadores dispuxeron algoritmos de visión artificial que axudan á navegación e á identificación de determinados obxectos, como sinais de tráfico, semáforos, rúas, persoas, cadeiras, mesas, computadores ou información de códigos QR.
Destacan tamén os usos potenciais que pode ter máis alá de acompañar persoas cegas, e sinalan o potencial de asistir a maiores con demencia ou a enfermos de alzheimer.
“Ademais de avisar o dono da hora á que ten unha cita médica, Tefi é capaz de guialo directamente ata a consulta servíndose unicamente dun plano do edificio que pode obter se este é accesible; e grazas á súa conexión á rede de telefonía móbil, o robot pode tamén solicitar un taxi para que o paciente non teña que preocuparse por case nada”, explica o investigador Gerardo Portilla, estudante de doutoramento en Robótica e "pai" deste can robótico.
A súa forma cuadrúpeda convérteo en adecuado para moverse en calquera contorna, mesmo en escaleiras, e é capaz de dar un pinchacarneiro cara atrás.
O investigador explicou que o "can" é moi robusto e dinámico en contornas accidentadas e moito máis económico que un can guía; e que xa se desenvolveu a condución automática para o guiado, así como a intelixencia artificial necesaria para a detección de obxectos, persoas e sinalización.
O robot pode comunicarse por voz para realizar as tarefas que se soliciten e pode ademais contar o que ve a través da cámara e a información que recibe de Internet.
Ata o de agora os investigadores levaron a cabo distintas probas de navegación nos interiores do Instituto e comprobaron que o robot é capaz de guiar ao usuario a distintas zonas do edificio con comandos de voz, e os científicos esperan empezar a probar pronto como se orienta Tefi no exterior, onde o ambiente é máis dinámico.
“A aplicación que ten este robot é sobre todo social, e iso é o que o diferencia do can da compañía estadounidense Boston Dynamics, que foi pensado con fins industriais; obviamente non substituirá nunca a un animal, que achega compañía e agarimo, pero o abanico de posibilidades e aplicacións é bastante amplo”, manifestou Francisco Montero de Espinosa, investigador do CSIC no mesmo centro.
O deseño de Tefi é aínda preliminar, pero os investigadores esperan poder instalar nun curto prazo de tempo sensores que poidan detectar signos de alerta, como unha presión arterial elevada ou a presenza de axentes químicos volátiles nunha vivenda.