O TSXG avala o cesamento dun directivo de Pescanova por gastos sen xustificar
O TSXG avala o cesamento dun directivo de Pescanova por gastos sen xustificar
Pasou recibos de 8.000 euros en almorzos, comidas e ceas, a maioría nun restaurante preto da súa residencia
Cargou gastos de combustible para facer 31.000 quilómetros malia vivir a catro do centro de traballo
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avala o despedimento dun directivo de Pescanova que foi cesado do seu cargo por pasar gastos en comida e desprazamentos á conta da empresa dun importe elevado, a maioría deles sen xustificación.
A sala do social do Alto Tribunal galego denega o recurso presentado polo exdirectivo, que chegou a cargarlle á compañía máis de 8.000 euros en almorzos, comidas e ceas, e importantes sumas de combustible.
A empresa descubriu os "gastos inxustificados" cando encargou unha auditoría co obxectivo de aplicar un plan para reducir os custos das dietas entre o seu persoal. Como consecuencia, abriulle un expediente que derivou no seu despedimento.
No documento, recollido na sentenza que agora ratifica o TSXG, aparecen importes de combustible equivalentes á cobertura de 31.000 quilómetros en oito meses.
"Resulta relevante a estes efectos salientar que o seu domicilio se atopa a escasos catro quilómetros do seu centro de traballo e que a natureza do seu traballo non esixe de maneira habitual desprazamentos de longa distancia que poidan xustificar esa estimación total de quilómetros percorridos", recolle a resolución xudicial.
Recolle tamén que entre maio de 2021 e xaneiro de 2022 cargou recibos por valor de 8.074 euros en concepto de "Comidas". O 62 % eran nun restaurante situado preto da súa casa. Ademais, convidaba a colegas e clientela, cun gasto medio por persoas de entre 35 e 40 euros.