A veciñanza de Valencia lembra as vítimas da DINA dous meses despois da traxedia
A veciñanza de Valencia lembra as vítimas da DINA dous meses despois da traxedia
Foi un acto multitudinario en que se gardou un minuto de silencio polas 223 persoas falecidas
Bautizaron cunha placa a "Ponte da Solidariedade", en agradecemento ao voluntariado que cruzou esa ponte para axudar
Pasaron dous meses da traxedia causada pola DINA e o seu impacto aínda está presente en boa parte dos 78 municipios afectados da provincia de Valencia.
Este domingo veciños da zona valenciana de La Torre quixeron homenaxear as vítimas da traxedia e os numerosos voluntarios que axudaron os afectados.
"Se non houbese voluntarios estariamos moi mal, todo con barro, a xente maior sen medicamentos, os primeiros días era un campo de guerra, non había que comer, nin auga potable, a xente traía o que podía e iso era a salvación", di Norman Ortells, portavoz da Asociación de Veciños e Veciñas de La Torre.
Foi un acto multitudinario en que se gardou un minuto de silencio polas 223 persoas falecidas. Tamén unha ofrenda floral, música e lectura de poemas en lembranza das vítimas mortais.
Centos de veciños bautizaron cunha placa a "Ponte da Solidariedade", en agradecemento a todos os voluntarios que cruzaron esa ponte para axudar.
Os afectados quéixanse de que aínda hai moito por facer.
"Aínda agora os ascensores non funcionan, non hai supermercados onde mercar, hai anciáns que aínda non puideron baixar das súas casas hoxe fai dous meses, hai xente sen realoxar con nenos enfermos. A normalidade non existe, o problema continúa", engade.
Esta tarde haberá unha terceira manifestación en Valencia para esixir a dimisión do presidente do goberno autonómico, Carlos Mazón, pola súa xestión da traxedia.