Loito oficial en Oroso en memoria do mozo de 18 anos que morreu atropelado en Touro
Loito oficial en Oroso en memoria do mozo de 18 anos que morreu atropelado en Touro
Diante da casa do concello gardouse un minuto de silencio que estivo presidida polo alcalde e ao que acudiron o pai do falecido, outros familiares e amigos
Veciños, autoridades e corpos de emerxencias do concello coruñés de Oroso participaron este mediodía nun minuto de silencio en memoria do mozo, de 18 anos, atropelado por un autobús na Noitevella en Touro nas inmediacións dunha discoteca.
Á concentración, que se produciu diante da casa do concello e estivo presidida polo alcalde de Oroso, Álex Doval, acudiron o pai do falecido, outros familiares e amigos.
O suceso deixou unha gran consternación no municipio coruñés en que residía o mozo, onde se acababa de incorporar á agrupación local de Protección Civil.
Os feitos producíronse sobre as 07:20 horas deste mércores na rúa Castelao, en Touro, preto dun paso de peóns e nas inmediacións da discoteca, onde se celebrou unha festa de fin de ano.
O condutor, que deu negativo no test de alcol e drogas, asegura que non se decatou do atropelo, polo que seguiu a súa marcha.
O Concello de Oroso decretou este xoves día de loito oficial en todo o municipio pola traxedia.
"Era un rapaz moi voluntario a prestarse a facer os exercicios, era moi alegre e destacaba entre os demais. É unha noticia moi dura para todos e para o Concello" di Cristian Blasco, coordinador de Protección Civil de Oroso
O corpo sen Vida de Nicolás Sánchez recibirá sepultura no Pindo, en Carnota, de onde é orixinaria súa nai.