Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un xubilado de 74 anos detido polo envío das cartas explosivas

Un xubilado de 74 anos detido polo envío das cartas explosivas

O arrestado é un xubilado de 74 anos, residente en Miranda de Ebro e extraballador do concello de Vitoria

Fontes da investigación sinalan que é unha persoa moi activa en redes sociais, con coñecementos técnicos e informáticos e sen antecedentes nin vínculos con formacións políticas

G24.gal 25/01/2023 10:30 Última actualización 25/01/2023 15:05

A Policía Nacional detivo en Miranda de Ebro (Burgos) un home pola súa presunta relación co envío das cartas explosivas que o pasado mes de novembro foron remitidas ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a outros organismos.

Fontes da investigación confirmaron que se trata dun xubilado de 74 anos, extraballador do concello de Vitoria, e que foi arrestado na localidade burgalesa. Desde o Ministerio do Interior confirmaron o arresto ordenado polo Xulgado de Instrución número 4 da Audiencia Nacional.

A detención realizouse contra ás dez desta mañá en plena rúa. Posteriormente os investigadores rexistraron o domicilio do detido, unha pequena vivenda na rúa do Clavel de Miranda de Ebro. Está previsto que o próximo venres pase a disposición xudicial.

Os investigadores cren que actuou en solitario e confeccionou os artefactos desde súa vivenda. Con todo, a Policía non descarta a participación ou influencia doutras persoas

Trátase dunha persoa moi activa en redes sociais e, segundo os investigadores, ten coñecementos técnicos e informáticos, informaron fontes do Ministerio do Interior e da Policía Nacional. Segundo fontes da investigación, non ten antecedentes nin tampouco vínculos con partidos políticos.

Na investigación foi clave o rastro que deixou a compra dos sobres. As dilixencias puideron determinar que todos os envíos das seis cartas realizáronse desde a cidade de Burgos, a pesar de que cando se produciran estes sucesos afirmárase que todos procedían de Valladolid.

O pasado 24 de novembro foi detectada unha carta con material explosivo dirixido ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que fora remitido por correo postal ordinario. Os servizos do Departamento de Seguridade de Presidencia do Goberno detectaron a carta nas tarefas de cribado e filtrado da correspondencia.  

Outras cinco cartas similares polas súas características e contido aos recibidos pola embaixada de Ucraína e a embaixada dos Estados Unidos en Madrid, pola empresa Instalaza en Zaragoza, polo Centro de Satélites da Unión Europea situado na Base Aérea de Torrexón e polo Ministerio de Defensa, dirixido a Margarita Robles. Un vixilante de seguridade da embaixada de Ucraína quedou ferido pola explosión dun dos artefactos.  

De todos estes envíos o único que foi "neutralizado" é o que chegou a Torrexón, o que permitiu analizar tanto o sobre como material explosivo e o mecanismo de detonación. Os outros cinco foran explotados preventivamente.

O pouco que ata o de agora se sabía era que eses envíos tiñan todos as mesmas características e a mesma orixe. Todos tiñan pólvora e pequenas bolas de metralla. Eran sobres de cor marrón e cando menos catro deles tiñan a mesma letra manuscrita.

O pasado 3 de xaneiro o xuíz que instrúe a investigación polo o envío desta serie de cartas explosivas acordou abrir unha nova liña de investigación na causa para levar a cabo unha serie de pescudas de carácter tecnolóxico.

Nos días posteriores a eses envíos tamén se recibiron outros paquetes sospeitosos na embaixada de Ucraína en Madrid e nos consulados en Málaga e Barcelona. Outras legacións diplomáticas noutros países europeos recibiron paquetes semellantes. Estes estaban manchados de sangue e tiñan no interior ollos de animais e non había restos explosivos polo que as primeiras hipóteses indicaban que o autor podería ser outro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade