Detectan un caso de gripe aviaria nunha gaivota patiamarela en Oleiros
Detectan un caso de gripe aviaria nunha gaivota patiamarela en Oleiros
É o primeiro caso confirmado en Galicia este ano
Non supón ningún cambio no risco de estado sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria e non supón ningunha medida adicional
A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, mediante a Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun exemplar de gaivota patiamarela afectado pola influenza aviaria de alta infección, resultado que foi confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).
A ave foi atopada morta no concello coruñés de Oleiros e foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático.
Alí, segundo informou a Xunta, tomáronlle mostras para analizalas no laboratorio e o cadáver foi eliminado conforme á normativa en vigor. Este novo caso é o primeiro confirmado en Galicia durante este ano.
A notificación deste foco, ao afectar exclusivamente aves silvestres, non implica cambios no estado sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional con respecto ao comercio de aves vivas ou produtos avícolas derivados con orixe en Galicia.
O Executivo galego lembrou que actualmente a valoración de risco de aparición de influenza aviaria a nivel de España segue sendo favorable.
Desta forma, en Galicia hai certas medidas de prevención sanitaria nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).