O humedal da Frouxeira é un espazo único para observar aves pouco comúns
O humedal da Frouxeira é un espazo único para observar aves pouco comúns
Este verán un afeccionado avistou un exemplar de mazarico escolopáceo, moi difícil de ver en España
Unha garza solitaria observa o voo dunha bandada de pequenos pirlos. Unha aguia pescadora sobrevoa a lagoa brevemente e inicia un descenso brusco no que non reparan no mazarico de rabo pinto e o mazarico real que, a escasos metros, andan á procura de alimento.
O humedal da Frouxeira é un espazo de enorme valor ambiental, perfecto para a observación de aves acuáticas.
"Hai lugares con maior riqueza, pero as distancias son máis grandes. Aquí temos a lagoa da Frouxeira e a ría de Ortigueira, que son lugares moi importantes desde o punto de vista da observación porque se ve moito e moi preto", explica Xabier Prieto, naturalista e afeccionado á ornitoloxía.
A lagoa e o areal da Frouxeira é o lugar que escollen para descansar e repoñer forzas numerosas aves migratorias nas súas viaxes estacionais. Con sorte, tamén permite avistar algunhas rarezas.
"Aves divagantes procedentes de Asia e do norte de América. Son as aves máis atractivas para os afeccionados porque aparecen esporadicamente. Galicia, pola súa situación xeográfica, é un punto moi importante para o avistamento deste tipo de aves".
Xabier Prieto obsérvaas e documéntaas desde hai moitos anos. Hai un mes tivo a fortuna de divisar un exemplar de mazarico escolopáceo.
"É unha ave que cría en Alaska e en territorios do norte do Canadá. Por razóns que descoñecementos, posiblemente climatolóxicas, un exemplar acabou aquí", explica Xabier.
Só hai constancia do avistamento de trinta e cinco exemplares en España. Por iso nas últimas semanas aumentou o interese por este espazo natural, rico e único.