Brutal malleira a un indixente en Xixón gravada por dous mozos de Lalín detidos
Brutal malleira a un indixente en Xixón gravada por dous mozos de Lalín detidos
A investigación da Garda Civil e da Policía Nacional comezou pola alarma social despois da difusión das imaxes nas redes sociais
Impútanlles un delito de lesións e de odio. Quedaron libres con cargos tras declarar ante o xuíz.
As forzas de seguridade detiveron o venres dous veciños de Lalín, un nesta localidade e o outro en Xixón, como supostos autores dun delito de lesións e de odio contra un indixente. Teñen 21 e 27 anos.
Propináronlle patadas a unha persoa sen teito que durmía nun portal e ademais as imaxes recollen como lle rouban o saco en que dorme o home, e xáctanse da acción.
A Garda Civil de Lalín e a Policía Nacional de Xixón colaboraron para localizar os supostos autores da malleira.
Están acusados de gravar e difundir polas redes sociais unha agresión ao home sen mediar palabra nun soportal da cidade asturiana. A difusión do vídeo xerou unha notable alarma social en Asturias.
Os dous detidos quedaron libres con cargos tras declarar ante o xuíz. Impútanlles un delito de lesións e outro de odio.
Ademais, as mesmas fontes confirmaron que os dous acusados desta agresión teñen antecedentes xudiciais por delitos semellantes.