Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen en Rusia un reporteiro dos EUA por presunta espionaxe

Deteñen en Rusia un reporteiro dos EUA por presunta espionaxe

Segundo un xornal ruso estaba recollendo opinións da poboación rusa respecto ao exército privado Wagner

O Goberno ruso afirma que realizaba actividades que "non tiñan nada que ver co xornalismo"
 

G24.gal 30/03/2023 11:58

O Servizo Federal de Seguridade (FSB) ruso detivo na cidade de Yekaterimburgo, a capital dos Urales, ao xornalista estadounidense Evan Gershkovich, correspondente do The Wall Street Journal en Rusia, por presunta espionaxe.

"O FSB abortou as actividades ilegais do correspondente da delegación de Moscova do xornal estadounidense The Wall Street Journal e cidadán estadounidense Evan Gershkovich, sospeitoso de espionaxe en interese do Goberno dos EUA", sinalou o FSB á axencia Interfax.

Segundo as autoridades rusas, Gershkovich "recompilaba por encargo da parte estadounidense informacións secretas sobre as actividades dunha das empresas do complexo militar industrial ruso".

"Durante o intento de recibir informacións secretas, o estadounidense foi detido en Yekaterimburgo", indicou o FSB. 

Abriu na súa contra unha causa penal por espionaxe e que podía implicar unha pena de cárcere de ata 20 anos.

Segundo o medio independente Meduza, Gershkovich foi detido este mércores fronte a un restaurante da capital dos Urales.

O medio sinalou que o reporteiro estadounidense estaba nesta cidade recollendo as opinións da poboación rusa respecto ao exército privado Wagner, actualmente punta de lanza da ofensiva rusa no leste de Ucraína.

Segundo o xornal local Vechernie Novost, un lector foi testemuña da detención dun home no centro da cidade.

"Cando levaban ao detido cubríronlle a cabeza cunha camiseta para que os transeúntes non visen o seu rostro".
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade