Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen un home acusado de agredir sexualmente dúas menores nas festas de Pontevedra

Deteñen un home acusado de agredir sexualmente dúas menores nas festas de Pontevedra

O suceso produciuse durante un concerto, cando o arrestado supostamente lles levantou as saias e lles tocou os glúteos

G24.gal 12/08/2024 14:29

Un home de 27 anos foi detido por un posible delito de agresión sexual nun dos concertos das Festas da Peregrina, en Pontevedra, ao tocar, presuntamente, dúas menores de idade.

Axentes da Policía Local procederon a detelo este domingo, segundo informa o Concello de Pontevedra.

O concerto celebrouse na praza do Concello e, segundo explica o corpo de seguridade local, o home realizaría diversos tocamentos sen consentimento a dúas mozas que asistían ao concerto, ambas as dúas menores, o que provocou un breve enfrontamento con outras persoas do público, momento en que interviñeron os vixilantes.

O responsable do suceso foi levado a unha zona segura, afastado do público, por axentes da Policía Local que se atopaban na mesma praza de España e que responderon á chamada do equipo de seguridade do espectáculo.

Os axentes tamén se entrevistaron coas mozas afectadas, que explicaron como o home en cuestión lles levantara a saia en diversas ocasións, ademais de tocarlles os glúteos sen ningún tipo de consentimento.

Ao tratarse de menores, os axentes contactaron cos seus titores, que se presentaron no lugar dos feitos despois de coñecer a situación e transmitiron a súa intención de denunciar o sucedido na Policía Nacional.

Así, unha das nais acudiu na mesma noite do domingo á comisaría e presentou a denuncia.

O detido foi trasladado a dependencias da Policía Nacional para comparecer por eses feitos.

O Concello de Pontevedra considera "deplorables" este tipo de situacións e advirte de que serán "perseguidas con todos os medios dispoñibles".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade