Deteñen un home en Ponteareas ao que se lle incautaron de cocaína, heroína e unha pistola
Deteñen un home en Ponteareas ao que se lle incautaron de cocaína, heroína e unha pistola
As investigacións iniciáronse tras teren coñecemento de que unha vivenda da vila estaba sendo empregada para a venda de drogas polo miúdo
A Garda Civil detivo un home na desarticulación dun punto de venda de droga nunha vivenda de Ponteareas, onde se incautou de cocaína, heroína, diñeiro e unha pistola.
Segundo trasladou o instituto armado, as investigacións iniciáronse a principios do pasado mes de xuño tras ter coñecemento de que nunha vivenda podería estar a cometerse un suposto delito contra a saúde pública.
Ao parecer, este punto de venda xeraba unha grande alarma social entre os veciños da zona. Así, establecidos diferentes dispositivos de vixilancia, os axentes comprobaron que a este domicilio acudían persoas a calquera hora do día e da noite, moitas delas coñecidos consumidores destas substancias, e que en diversas ocasións foron interceptados momentos despois de mercaren a droga.
Ante esta circunstancia, a Garda Civil detivo a persoa que vivía na vivenda como presunto autor dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.
Posteriormente, procederon á entrada e rexistro do seu domicilio, onde se incautaron de 19 doses de heroína, 18 doses de cocaína, medios para a súa preparación, unha pistola marca Star, un teléfono móbil e 583,10 euros.
A arma de fogo e as substancias intervidas, xunto coas dilixencias e o detido, foron postos á disposición do Xulgado de Instrución n.º 3 de Ponteareas.