Deteñen un mozo de 20 anos en Pontevedra por tentar degolar o compañeiro
Deteñen un mozo de 20 anos en Pontevedra por tentar degolar o compañeiro
A vítima, un home de 47 anos, foi operada de urxencia no Hospital de Montecelo, onde foi atendida por un corte no pescozo que precisou vinte puntos de sutura
Un mozo de 20 anos foi detido pola Policía Nacional acusado de tentar matar o seu compañeiro de piso degolando o pescozo cunha coitela. A vítima, un home de 47 anos, foi operada de urxencia no Hospital de Montecelo, onde foi atendida por un corte no pescozo que precisou vinte puntos de sutura.
Salvou a súa vida "por milímetros", segundo explicou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, xa que o corte estivo a piques de seccionarlle a xugular. Os feitos rexistráronse esta pasada madrugada nunha vivenda situada no barrio pontevedrés da Seca que compartían estas dúas persoas.
Os investigadores, que requisaron a coitela empregada na agresión, sosteñen que o motivo do intento de homicidio sería unha discusión polo uso dun teléfono móbil.
O detido, que se atopa nos calabozos da comisaría provincial á espera de pasar a disposición xudicial, será investigado como presunto autor dun delito de homicidio en grao de tentativa.