Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen un mozo por danos en coches e vivendas de Ribadavia e Castrelo

Deteñen un mozo por danos en coches e vivendas de Ribadavia e Castrelo

Hai máis dunha ducia de denuncias por escachar retrovisores, cristais, cadros eléctricos...

O detido é un veciño de Verín, de 31 anos

G24.gal 25/03/2024 14:15

As primeiras noticias do agora detido chegaron de Castrelo de Miño, contra as dez da noite do sábado. "Un rapaz novo, bastante máis alto ca min e con barba. Pediume o móbil, pero díxenlle que non o levaba", explica unha veciña.

A poucos metros denunciaron un dos primeiros danos, nunha vivenda. Os donos saíran cear fóra, e cando regresaron atoparon a porta de entrada co cristal escachado: "Intentou entrar, pero como teñen unha cadela grande...", engade a mesma veciña.

Esa noite houbo tamén danos nos cadros eléctricos, contadores da auga... e, sobre todo, nos coches que quedaron aparcados na rúa.

"Apareceume co retrovisor roto". "Este é o dano que me fixo. Foi por esta estrada arriba, rebentando os retrovisores", explican dous afectados.

En San Paio, Ribadavia, a poucos quilómetros de Castrelo, foi onde rematou a noite e onde finalmente o detiveron.

"Subían pola congostra, que é como lle chaman a ese camiño". "Aí quedoulle o coche atrancado, e tivo que seguir a pé, ata que o colleron", relatan dous veciños de San Paio.

Detívoo a Garda Civil. Impútanlle un delito por danos en 8 vehículos e outro de resistencia e desobediencia aos axentes. Pero desde a detención xa houbo novas denuncias perante a Policía Local de Ribadavia.

Carlos Pérez, Policía local de Ribadavia: "Danou unha ducia e pico de vehículos e tamén varias vivendas, tanto as portas como as pechaduras, caixas de correo... e tamén colocou colectores na calzada, chegando a colidir algún vehículo contra eles".

O detido é un veciño de Verín de 31 anos.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade