Publicador de contidos
Publicador de contidos

O profesor acusado de abusar de 9 alumnas en Lugo pasará este venres a disposición xudicial

O profesor acusado de abusar de 9 alumnas en Lugo pasará este venres a disposición xudicial

Xa hai nove denuncias e a policía non desbota que aparezan máis casos

O home permanece detido na Comisaría Provincial de Lugo

G24.gal 29/05/2024 18:19 Última actualización 30/05/2024 16:08

Nove familias presentaron denuncias por supostos abusos sexuais a nenas, con idades comprendidas entre os 8 e os 10 anos, por parte, presuntamente, dun dos profesores do CEIP Albeiros de Lugo, que o pasado mércores foi detido por axentes da policía como investigado por estes feitos.

Aínda que estaba previsto que pasase a disposición xudicial na última hora da mañá deste xoves, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) informou de que, previsiblemente, será este venres cando o faga. Será no xulgado de Instrución número 1 de Lugo, “competente pola data dos feitos”.

A detención do sospeitoso, un home de entre 45 e 50 anos, produciuse o mércores pola tarde, arredor das cinco. Desde entón permanece baixo custodia nos calabozos da Comisaría Provincial de Lugo.

Fontes da Comisaría Provincial de Lugo sinalaron que non se desbota que o número de denuncias vaia en aumento nas próximas horas "porque pode haber nenos que non lles dixesen nada aos pais no seu momento" e agora, despois das informacións das últimas horas, falen de situacións semellantes ás que motivaron a apertura desta investigación.

Das pescudas fixéronse cargo axentes da Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) da Policía, que practicaron a detención.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional informou de que "logo de ter constancia dos feitos denunciados", iniciou "dilixencias informativas" para "aclarar o sucedido" e tomar, no seu ámbito de actuación, "as medidas correspondentes". O departamento autonómico manifestou a súa disposición a "colaborar estreitamente neste asunto" coa Policía Nacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade