Detida a coidadora dunha escola infantil por darlle unha labazada a unha cativa de 18 meses

A gardería ao parecer non ten licenza e xa foi pechada

A investigación destapou que xa noutras ocasións os veciños viran que os nenos choraban no patio e non eran atendidos

G24.gal 30/11/2023 15:56

Unha coidadora sae ao patio ao escoitar os choros dunha cativa de oito meses e dálle unha labazada a outra de tan só ano e medio que xoga ao seu carón. Este vídeo gravado por unha veciña nunha gardería da localidade alacantina de Elx levou á detención da coidadora.

"A familia está derrubada, non o poden crer. Atacaron ao máis indefenso que temos, que son os menores. As imaxes son duras, para calquera pai que delega os coidados dun menor para ir traballar, e atoparse con isto, evidentemente ninguén o espera", explica Aitor Prieto, avogado da acusación.

A muller, de 30 anos, é ademais a xerente do centro. Foi xa posta a disposición xudicial, pero negouse a responder ás preguntas da acusación. A gardería, que ao parecer non ten licenza, xa foi pechada. Algúns din que nunca sospeitaran nada.

"Nunca sospeitaron os seus pais nin nada diso, porque supoño que mo dirían. Pechárono porque non é un sitio para que teñan nenos, porque se os tratan desa maneira, deberían pechala hai tempo, porque segundo entendín, iso non sucedeu de onte para hoxe", conta unha familiar.

Porén a investigación destapou que xa noutras ocasións os veciños viran que os nenos choraban no patio e non eran atendidos polas coidadoras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade