Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detida unha muller por agredir a súa filla de 20 anos no seu domicilio en Vigo

Detida unha muller por agredir a súa filla de 20 anos no seu domicilio en Vigo

Os axentes observaron que a vítima presentaba feridas sanguentas nos beizos e eritemas no queixo e nos pulsos

G24.gal 06/02/2025 13:32 Última actualización 06/02/2025 13:54

Unha muller de 52 anos foi detida este xoves de madrugada pola Policía Local de Vigo por un delito de violencia doméstica por agredir, presuntamente, a súa filla de 20 anos, que foi a que solicitou a intervención dos axentes.

A agresión produciuse pasada a medianoite na rúa Pino, onde a moza informou os axentes de que, "sen provocación previa", súa nai comezara a agredila. Así, relatou que a proxenitora lle propinara golpes na cara e na caluga e que, ao tratar de defenderse, suxeitouna fortemente das mans e tratou de botala do domicilio en que ambas conviven. A moza engadiu que as agresións eran frecuentes e que, aínda que nunca denunciara, si quería facelo nesta ocasión.

Os axentes observaron que presentaba feridas sanguentas nos beizos e eritemas no queixo e nos pulsos, polo que solicitaron asistencia médica para a moza, que foi trasladada ao punto de atención continuada da rúa Pizarro.

A suposta agresora asegurou aos policías que era a propietaria da casa e que a súa filla lla quería quitar. Os axentes detivérona pola suposta comisión dun delito de violencia doméstica. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade