Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido e investigado por presunta violencia machista un concelleiro do PP de Ribadavia

Detido e investigado por presunta violencia machista un concelleiro do PP de Ribadavia

O edil quedou en liberdade despois de pasar a disposición xudicial

Juan Carlos Fernández presentou un escrito no rexistro municipal no que comunica a súa renuncia aos seus cargos no goberno local e á súa acta de edil

Arquivo TVG Arquivo TVG
G24.gal 18/09/2024 12:59 Última actualización 18/09/2024 14:48

Un concelleiro do Goberno de Ribadavia (Ourense), que dirixe o popular César Fernández, foi detido e, tras pasar a disposición xudicial, quedou en liberdade e investigado por un suposto delito de violencia machista.

Segundo puido confirmar Europa Press, tras avanzar a información eldiario.es, o concelleiro foi detido este martes.

Juan Carlos Fernández, edil da capital da comarca do Ribeiro -que os populares dirixen cunha maioría absoluta sustentada por sete concelleiros-, pasou na mesma xornada da súa detención á disposición da titular do Xulgado de Instrución número 1 de Ribadavia.

Como medidas, segundo as fontes consultadas por Europa Press, impúxoselle a prohibición de aproximarse a menos de 300 metros e de comunicarse coa denunciante.

O caso está en instrución e o detido está investigado por un presunto delito de violencia machista.

Juan Carlos Fernández, presentou, segundo informou a dirección provincial do PP de Ourense, un escrito no rexistro municipal no que comunica a súa renuncia aos seus cargos no goberno local e á súa acta de edil.

O PP provincial de Ourense informa de que Fernández presentará a súa solicitude de baixa no Partido Popular, afirmando que "desexa ter toda a liberdade necesaria para afrontar esta situación e demostrar a súa inocencia, coa máxima colaboración coa xustiza".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade