O dono do hotel de Bóveda que espiaba os seus hóspedes con cámaras ocultas tiña gravacións
O dono do hotel de Bóveda que espiaba os seus hóspedes con cámaras ocultas tiña gravacións
En liberdade con cargos, o hostaleiro está acusado dun delito contra a intimidade
A Garda Civil non atopou imaxes difundidas polas redes e cre que podían ser para uso propio
Con minicámaras ocultas nos reloxos de parede. Así foi como, presuntamente, o dono dun hotel de Bóveda obtiña imaxes dos seus hóspedes cando estaban na cama.
Os primeiros que denunciaron os feitos, unha parella, decatáronse cando percibiron o resplandor do dispositivo que estaba conectado a unha tarxeta de gravación. Daquela avisaron outros clientes, aos que lles sucedía outro tanto.
Unha vez se queixaron ao establecemento, o xerente ofreceulles cartos para que non o demandasen, algo que fixeron de todos os xeitos.
Fidel González Chan, xefe da policía xudicial da Garda Civil de Monforte: "A partir de aí fixemos un estudo das tarxetas e entrevistámonos cos denunciantes. E puidemos comprobar que existían gravacións destas persoas".
En alusión ao filme Psicose, a operación posta en marcha pola Garda Civil denomínase Norbates. Cando recolleron información dabondo, os investigadores arrestaron o sospeitoso e rexistraron o hotel e mais o seu domicilio, onde comisaron dous portátiles e ata quince memorias externas.
Fidel González Chan, xefe da policía xudicial da Garda Civil de Monforte: "Todo apunta a que eran para uso propio, a falta de indicios da difusión en páxinas ou redes. Pero segundo avance que estudemos os dispositivos intervidos, iremos determinando esas cuestións".
Tras pasar á disposición da Xustiza, o hostaleiro foi posto en liberdade con cargos, xa que está a ser investigado por un delito contra a intimidade.