Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido o fillo maior do presidente de Colombia por enriquecemento ilícito

Detido o fillo maior do presidente de Colombia por enriquecemento ilícito

A Fiscalía investigaba penalmente a Nicolás Petro polas súas supostas reunións con narcotraficantes no cárcere

G24.gal 29/07/2023 16:27 Última actualización 29/07/2023 16:53

A Fiscalía detivo este sábado a Nicolás Petro, o fillo maior do presidente de Colombia, Gustavo Petro, e deputado da Asemblea do Departamento do Atlántico. Segundo informa a institución nun comunicado, está a ser investigado por un posible delito de branqueo de cartos e enriquecemento ilícito.

Tamén arrestou a súa exesposa, Daysuris Vásquez, que a comezos de ano o acusou de recibir dun narcotraficante unha alta suma de diñeiro para a campaña do hoxe presidente, e de quedar cos cartos.

Nicolás Fernando Petro Burgos enfróntase aos "delitos de lavado de activos e enriquecemento ilícito e Daysuris do Carmen Vásquez Castro, polos punibles de lavado de activos e violación de datos persoais por feitos ocorridos desde 2022 ata a data".

"Os capturados serán postos á disposición dun xuíz penal municipal con Función de Control de Garantías, a quen se lle solicitará impartir legalidade aos procedementos de violación, captura e incautación de elementos materiais probatorios", engade a Fiscalía.

O pasado 21 de marzo a Fiscalía anunciou que investigaba penalmente a Nicolás Petro polas súas supostas reunións con narcotraficantes no cárcere e por un "posible lavado de activos".

A exesposa asegurara a comezos dese mes nunha entrevista coa revista Semana que o narcotraficante Samuel Santander Lopesierra, alias "o home Marlboro", entregoulle a Nicolás Petro "máis de 600 millóns de pesos (uns 153.000 dólares de hoxe) para a campaña do papá".

"Iso nunca chegou legalmente á campaña porque el quedou con ese diñeiro, e así outros", engadiu a muller. Segundo dixo, Nicolás Petro tamén recibiu 200 millóns de pesos do controvertido empresario Alfonso 'Turco' Hilsaca, que tampouco foron dar á campaña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade