Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido o narco galego Braulio Vázquez por branquear máis dun millón de euros

Detido o narco galego Braulio Vázquez por branquear máis dun millón de euros

O detido é un dos procesados polo alixo de 3.800 quilos de droga a bordo do buque MV Karar en 2020 e ten varias condenas anteriores por narcotráfico

No marco da operación Frankenstein están investigadas outras seis persoas da súa contorna e foron bloqueados quince inmobles

Un dos inmobles bloqueados no marco da operación Frankenstein (Axencia Tributaria).
G24.gal 01/08/2024 11:32 Última actualización 01/08/2024 19:48

O narco galego Braulio Vázquez foi detido polo Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria en Ribadumia (Pontevedra), por branquear, presuntamente, un millón de euros.

Segundo informa a Axencia Tributaria, ao detido, un dos procesados polo alixo de 3.800 quilos de droga a bordo do buque MV Karar en 2020, atribúeselle un delito de branqueo de capitais.

A súa detención produciuse o pasado 23 de xullo e, ademais, están investigadas, aínda que non foron detidas, outras seis persoas da súa contorna máis próxima.

No marco desta operación, denominada Frankenstein, o corpo policial de Facenda logrou acreditar, despois dunha complexa investigación patrimonial, unha operativa de branqueo superior ao millón de euros.

Nos rexistros que se efectuaron intervéuselle unha granxa de minado de criptoactivos, así como abundante material informático e documentación, e bloqueáronse un total de 15 inmobles.

A vinculación de Braulio Vázquez co tráfico de drogas é coñecida desde hai anos, con investigacións que se remontan a 2002 e 2003, cando apenas contaba con 21 anos.

Xa en setembro de 2023, por mor dunha investigación liderada por Vixilancia Aduaneira (operación Loureiro) foi condenado a nove anos de prisión e 433.000 euros de multa, como autor de senllos delitos de tráfico de drogas e pertenza a grupo criminal.

Na sentenza condenatoria declaráronse probados feitos de provisión e posterior distribución de cocaína, polo menos, entre 2017 e 2019. Polos mesmos feitos foi condenado igualmente o seu medio irmán, tamén investigado na presente operación contra o branqueo de capitais.

Á súa vez, está a ser xulgado na Audiencia Provincial de Pontevedra pola operación Pantín, na que se lle vincula con 3.800 de cocaína que chegou a costas galegas a bordo do buque MV Karar no ano 2020.

Branqueo con familiares de homes de palla

A súa longa traxectoria delituosa, sumada ao feito de que aínda ten por abonar unha multa de 433.000 euros, levou a Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria a despregar a complexa investigación patrimonial que, en opinión de Facenda, puxo de manifesto un enriquecemento ilícito que supera amplamente o millón de euros.

A investigación, que levou a cabo, integramente, a Unidade Combinada de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria en Vigo, centrouse nas adquisicións patrimoniais que o detido realizou utilizando como homes de palla a persoas de contorna familiar máis próximo desde os anos 2004 a 2021.

Na operación participou de maneira activa a Fiscalía Antidroga de Pontevedra, como denunciante, tras os informes elaborados por Vixilancia Aduaneira de Vigo.

Minería de criptoactivos

Na explotación desta operación actuou o Grupo de Intervención e Reacción da Subdirección Xeral de Operacións de Vixilancia Aduaneira e culminou con cinco entradas e rexistros en domicilios e locais das localidades de Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Ribadumia.

Alí, foi intervido numeroso material informático e documentación así como un conglomerado de tarxetas gráficas empregadas para a minería de criptoactivos que o detido dispuxera no faiado dun local de máquinas expendedoras de Ribadumia que explotaba comercialmente.

Os efectos intervidos están a ser analizados pola unidade investigadora e o xulgado adoptou medidas cautelares de bloqueo sobre 15 inmobles co obxectivo de garantir as posibles condenas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade