Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido por tentar levar unha nena de nove anos do interior dun coche en Lugo

Detido por tentar levar unha nena de nove anos do interior dun coche en Lugo

Trátase dun home de 48 anos de idade, que foi detido e trasladado a dependencias policiais, onde se instrúen dilixencias para o xulgado de garda

G24.gal 14/10/2024 12:48

Un home de 48 anos de idade foi detido pola Policía Local de Lugo como sospeitoso de tentar levar contra a súa vontade a unha nena de nove anos do interior dun vehículo que estaba estacionado na rúa do Carme.

Segundo a información facilitada pola Policía Local, os feitos sucederon durante a tarde do pasado venres, 11 de outubro. Unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio foi avisada pola sala operativa do 92 para que se desprazase de inmediato á rúa do Carme, dado que un home tentara levar unha nena do interior dun vehículo que estaba aparcado nesa zona.

Os axentes foron recibidos pola denunciante, quen lles explicou que un home se introduciu na parte traseira do vehículo, que estaba estacionado, e tentara levar unha nena de nove anos, que estaba no coche. A resposta das demais persoas que había no vehículo fixeron que marchase.

Os axentes identificaron as persoas que estaban na furgoneta e comprobaron que a suposta vítima era sobriña dunha delas. A súa tía díxolles que se achegou un home, abriu a porta do vehículo e fixo ademán de coller a nena, pero a pequena saltou moi nerviosa aos asentos dianteiros e empezou a chorar. Entón, o sospeitoso ausentouse do lugar.

Os axentes localizaron  esta persoa pouco despois. É un home de 48 anos de idade, que foi detido e trasladado a dependencias policiais, onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade