Matan a coiteladas unha muller de 42 anos no seu piso de Lugo
Matan a coiteladas unha muller de 42 anos no seu piso de Lugo
A Policía confirma que de momento non hai ningunha persoa detida
Xa declararon sete persoas onte e ao longo do día de hoxe van continuar as declaracións das persoas máis próximas
Unha muller apareceu morta á última hora do domingo, con sinais de violencia, nunha vivenda do inmoble número 51 da rúa Quiroga, nas coñecidas como Casas Sindicais de Lugo. A Policía Nacional foi alertada do achado do cadáver arredor das 22 horas.
Ata o lugar desprazáronse axentes da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta da Policía Nacional, que están a investigar este homicidio. Polo momento non transcenderon sospeitosos do caso, que se encontra baixo segredo de sumario.
Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo:
"Tanto a policía xudicial como a científica comezaron a recoller todos os indicios que poida haber no lugar dos feitos. Unha vez comunicado ao xulgado, isto entra en segredo de sumario. Xa se lle empezou a tomar declaración a toda a contorna da vítima, tanto de familiares como veciños ou amigos".
A Policía Nacional confirma que non hai ningunha persoa detida e que de momento están tomando declaración as persoas más próximas á vítima. Ao parecer, xa pasaron pola comisaría unhas sete persoas, e continuarán tomando declaracións ao longo de hoxe.
A vítima é Cristina Cabo Buján, unha muller de 42 anos que rexentaba unha froitería na Rúa Mallorca no barrio da Milagrosa. Apareceu morta con varias coiteladas no dormitorio do seu propio domicilio, despois de que familiares alertasen a policía porque non a atopaban.
A presidenta da Plataforma Feminista de Lugo, Ana Torrón, indicou a EFE que a muller asasinada pertencía a este colectivo e mesmo lera parte do manifesto desta organización durante a celebración do Día Internacional da Muller na capital lucense en marzo de 2021.
A investigación está a ser coordinada polo Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, que decretou o secreto de sumario. Axentes das policías Xudicial e Científica realizaron nas últimas horas a correspondente inspección técnica no domicilio para buscar probas e indicios que poidan axudar a esclarecer este crime.
Polo momento, están abertas todas as liñas de investigación sobre este crime.