Detidos dous candidatos socialistas de Mojácar pola súa implicación nunha presunta trama de compra de votos
Detidos dous candidatos socialistas de Mojácar pola súa implicación nunha presunta trama de compra de votos
Detidos dous candidatos socialistas de Mojácar pola súa implicación nunha presunta trama de compra de votos
O PSOE suspendeu de militancia un deles, que vai de número dous na lista. O outro non está afiliado ao partido
A Garda Civil descarta que haxa relación co intento de fraude electoral en Melilla
A Garda Civil levaba semanas investigando o suposto intento de fraude electoral en Mojácar tras o aviso dun cidadán que denunciou que lle intentaran mercar o voto por correo.
Polo momento hai sete detidos, dous deles empresarios que van na lista do PSOE. Un de número dous e o outro no posto cinco. O PSOE xa suspendeu cautelarmente de militancia o primeiro. O outro non está afiliado.
Juan Espadas, secretario xeral do PSOE de Andalucía, di: "Contundencia e claridade. Calquera situación deste tipo que se demostre é inxustificable en democracia e desde logo no Partido Socialista non ten cabida ningún tipo de conduta destas características".
O Partido Popular, que goberna con maioría absoluta en Mojácar, esixe unha investigación exhaustiva e que se depuren responsabilidades ante un feito que considera extremadamente grave.
Juan Manuel Moreno Bonilla, presidente de Andalucía, di: "O que pido é que as forzas de seguridade e a xustiza sexan determinantes, que cheguen ata o final, e por suposto que respondan aqueles que queiran alterar a vontade democrática".
O xulgado que leva o caso decretou segredo de sumario. Descarta que haxa relación coa trama de compra de votos de Melilla.
Alleo á compra de votos
Pola súa banda, o candidato do PSOE á alcaldía de Mojacar, Manuel Zamora, asegurou "ser absoluamente alleo á compra de votos" no concello en que compite por ser rexedor. Dixo que en ningún momento tivo coñecemento de ningunha irregularidade por parte do seu equipo.
Zamora puxo de manifesto a comisión de presuntos delitos por parte do Partido Popular que el mesmo se encargou de denunciar ante a Garda Civil.