Francisco fai dez de pontificado marcados pola apertura da Igrexa
Francisco fai dez de pontificado marcados pola apertura da Igrexa
Bergoglio intentou facer unha institución máis xusta e transparente
A pandemia, a guerra de Ucraína e a crise dos inmigrantes marcan o seu papado
Aos 86 anos, e con problemas de mobilidade, Francisco pensa na renuncia
Poucos coñecían o nome que soou tras a fumata branca o 13 de marzo de 2013. Jorge Mario Bergoglio, de 76 anos, cardeal arcebispo de Bos Aires, convertíase no Papa número 266 da Igrexa Católica. Era o primeiro pontífice latinoamericano e xesuíta, e o nome que elixiu, en honor a Francisco de Asís, marcaba os obxectivos de humildade e sinxeleza. O novo Papa renunciou ao trono papal e ao coche oficial, e optou por vivir na casa de Santa Marta, máis austera.
Un dos primeiros xestos do seu pontificado, tras visitar o seu precedesor, Bieito XVI, foi viaxar á illa de Lampedusa, á que chegan a maior parte dos inmigrantes que intentan alcanzar Europa dende Italia. A busca dunha igrexa "pobre para os pobres" levou a Francisco a intentar facer unha institución máis transparente e moderna. En 2019 convocou un cumio contra a pederastia, no que ordenou eliminar o segredo pontificio e elevar as penas aos relixiosos culpables duns delitos aos que declarou tolerancia cero.
Francisco declárase ecoloxista, contrario ás leis que penalizan a homosexualidade e partidario de revisar o celibato. Nesta década convulsa, o Papa exerceu tamén un liderado político e abriuse a outras relixións. Unha das imaxes do seu pontificado foi, no peor momento da pandemia, a bendición Urbi et Orbi extraordinaria ante unha praza de San Pedro completamente deserta.
Durante dez anos conviviron dous papas, ata a morte en decembro de Bieito XVI. É outra circunstancia extraordinaria no pontificado de Bergoglio, que aos 86 anos ve freada a súa axenda polos problemas nun xeonllo. Pero Francisco asegura que só renunciará cando deixe de ver as cousas con claridade.