Dez participantes perfeccionan as súas obras na residencia literaria Cidade da Cultura
Dez participantes perfeccionan as súas obras na residencia literaria Cidade da Cultura
Dez participantes perfeccionaron as súas futuras novelas nesta residencia literaria
Recibiron os consellos das escritoras Marilar Aleixandre e Brenda Navarro e do escritor e director da residencia, Javier Peña.
”Aquela mañá, Roi, un mozo de 24 anos, tiña que facer dúas tarefas ben sinxelas”.
Así comeza un relato dun libro que aínda está por escribir. Será a primeira obra de Iván Castro, un dos participantes na "Residencia literaria Cidade da Cultura".
“A residencia axudoume a aclarar ideas, a descartar e a escoller que é o que quero, que é o que vou empregar nos textos”, asegura Iván Castro.
Outras participantes xa teñen obra publicada. Sica Romero, finalista no Premio San Clemente con Avelaíñas eléctricas, participa na residencia coa que vai ser a súa segunda novela.
“Ao chegar aquí, toda a estrutura caeu abaixo, o que foi unha alegría porque non sabía por onde tirar, pensaba que a historia non tiña futuro e deime conta de que si a ten pero de maneira distinta”, asegura Sica Romero.
Durante doce días recibiron os consellos das escritoras Marilar Alixandre e Brenda Navarro e do escritor Javier Peña. Do que se trata é de compartir as dúbidas para facer medrar as obras.
“Cales son as dúbidas dos demais, cales che xorden a ti vendo as dúbidas dos outros. Poder compartir o teu propio proceso é algo que eu valoro moitísimo”, explica a escritora Ana Varela.
“Eu sempre penso que de aquí a dez ou quince anos, cando vexamos as principais autoras e autores galegos, moitos van ter pasado pola residencia, ou esa é a nosa idea”, asegura Javier Peña, director da Residencia literaria Cidade da Cultura.
“A ver que sae”, di a escritora Ana Varela.
Por diante quedan aínda meses intensos de escritura.