Publicador de contidos
Publicador de contidos

Manuel Rivas, premio Nacional das Letras Españolas 2024

Manuel Rivas, premio Nacional das Letras Españolas 2024

É o primeiro autor en lingua galega que recibe o premio desde a súa creación en 1984

O escritor Manuel Rivas, entrevistado no programa 'Zigzag' da Televisión de Galicia.
G24.gal 29/10/2024 13:54 Última actualización 29/10/2024 21:11

O escritor e xornalista galego Manuel Rivas foi galardoado co Premio Nacional das Letras Españolas correspondente ao ano 2024 pola súa "extraordinaria calidade narrativa que une forza emocional e beleza formal". Rivas (A Coruña, 1957) é o primeiro autor en lingua galega que recibe o premio desde a súa creación en 1984.

O xurado reunido este martes destacou tamén "a solidez dunha traxectoria versátil e coherente construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega".

"Poucos autores do panorama literario español, partindo dun compromiso firme coa súa lingua, conseguiron alcanzar tal recoñecemento a nivel mundial", agrega o ditame do premio que outorga o Ministerio de Cultura.

A súa obra, escrita en galego, está traducida a máis de trinta linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo.

Como narrador ten publicado: Todo ben (1985); Un millón de vacas (1989), Premio da Crítica Española; Os comedores de patacas (1991); En salvaxe compaña (1994), Premio da Crítica Galicia; Que me queres, amor? (1996), Premio Torrente Ballester e Premio Nacional de Narrativa; Bala perdida (1996); O lapis do carpinteiro (1998), Premio da Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, Premio 50 aniversario da sección belga de Amnistía Internacional (2001); Ela, maldita alma (1999); A man dos paíños (2000); As chamadas perdidas (2002); Contos de Nadal (2003); Os libros arden mal (2006), novela, Premio Ánxel Casal ao Libro do Ano, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano, Premio da Crítica, Premio Mellor Libro do Ano Libreiros de Madrid, Premio da Crítica Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Todo é silencio (2010), As voces baixas (2012), O último día de Terranova (2015) e Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (2018). Tras do Ceo (Xerais, 2024) é a primeira novela dunha serie histórica que Manuel Rivas vertebra sobre o eixe da caza do home polo home e a depredación da natureza.

Tamén é autor dunha extensa obra xornalística e poética en lingua galega. É codirector da revista Luzes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade