Publicador de contidos
Publicador de contidos

A recuperación das pacientes, un reto para reflexionar no Día contra o Cancro de Mama

A recuperación das pacientes, un reto para reflexionar no Día contra o Cancro de Mama

As melloras na detección precoz e nos tratamentos aumentan ata un 85 % a supervivencia das pacientes

Segundo datos da Asociación Española contra o Cancro, en España diagnostícanse cada ano 35.000 novos tumores de mama

G24.gal 19/10/2022 08:30 Última actualización 19/10/2022 13:20

Cada vez os cancros de mama se detectan en estadios máis inicias e por iso curan 85 de cada 100

"As mulleres en canto fan 50 anos reciben unha carta do Sergas onde se lles lembran que entran no protocolo de prevención. Que ninguén deixe de acudir porque hai veces que coa autoexploración non abonda e cómpre unha mamografía", di Francisco Pais, presidente da Xunta local da AECC en Santiago.

Neste 19 de outubro celébrase o Día Mundial contra o Cancro de Mama, unha xornada para concienciar da importancia da prevención e da investigación. Segundo datos da Asociación Española contra o Cancro, en España diagnostícanse cada ano 35.000 novos tumores de mama.

Hai enormes avances na investigación: novas moléculas que permiten tratamentos personalizados e máis efectivos. Mellorou, pois, a diagnose e o tratamento, e por iso hoxe os expertos poñen o foco en mellorar tamén a fase da recuperación.

"Non é todo tan rosa coma o pintan, é bastante marrón. Os aspectos sociais e económicos tamén pesan", asegura Mercedes Vázquez, paciente de cancro de mama.

"Hai que conseguir que volvan traballar e recuperen todos os ámbitos da vida que tiñan antes. E iso esixe un esforzo de toda a sociedade non só dos sanitarios, para conseguir que estas mulleres fagan unha vida normal", advirte o xefe de oncoloxía do CHUO, Xesús García.

Esta enfermidade representa o 16 % de todos os cancros femininos. Este ano levouse a cabo unha campaña en redes, alentada por enfermas de cancro de mama metastásico, que segue sendo incurable, que renegan do lazo rosa vencellado a este día.

Din que non se pode dulcificar unha enfermidade que é a primeira causa de morte entre mulleres de 35 a 55 anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade