O CHUO advirte que o 90 por cento dos cancros de pulmón son de persoas fumadoras
O CHUO advirte que o 90 por cento dos cancros de pulmón son de persoas fumadoras
No día Mundial do Cancro de Pulmón, os pneumólogos fan un chamamento á prevención
Máis da metade dos detectados en Ourense estaban xa con metástase e en estadío avanzado
Co lema "previlo está nas túas mans", o servizo de pneumoloxía da área sanitaria de Ourense celebra este domingo 17 de novembro o Día Mundial do Cancro de Pulmón. O ano pasado detectáronse nesta provincia máis de 200 casos. O 90 por cento corresponden a persoas fumadoras, e máis da metade estaban xa en estado avanzado. Os sanitarios insisten en que a eliminación do tabaco reduciría os casos un 30 por cento.
O ano pasado detectáronse en Ourense 245 casos de cancro de pulmón. A maioría eran homes de máis de 65 anos, pero cada vez hai máis xente nova afectada e tamén máis mulleres polo maior consumo de tabaco. En calquera caso, case un 90 cento dos cancros de pulmón diagnosticados son de fumadores.
"A min gústame aproveitar estes días para insistir en que é moi importante loitar contra o tabaquismo, conseguir que a xente nova non se introduza no tabaco e que a xente que está fumando abandone o hábito, fumar é a principal causa de morte evitable no mundo", sinala Isaura Parente, xefa do servizo de pneumoloxía do CHUO.
A xefa do servizo de penumoloxía do hospital ourensán explica que máis da metade dos casos estaban xa con metástase e nun estadío avanzado.
"O cancro de pulmón maniféstase con síntomas pouco aparentes e non específicos como tose, dor torácica, aumento de disnea, síntomas que entre os fumadores poden pasar desapercibidos".
Galicia conta con oito vías rápidas coas que se pode chegar a un diagnóstico antes de 15 días.
"Aquí o que facemos é encarreirar o estudo do diagnóstico coas probas de imaxe e de endoscopia que precise e despois presentar o caso a un comité multidisciplinar de cancro de pulmón".
O hospital de Ourense aplica unha técnica que permite, cunha única sesión médica e sen necesidade de ingresar, confirmar un diagnóstico e obter unha mostra celular válida, esencial para planificar o tratamento de cada doente.