Publicador de contidos
Publicador de contidos

Día Mundial contra o Cancro centrado na investigación e na prevención

Día Mundial contra o Cancro centrado na investigación e na prevención

Nos últimos anos producíronse avances importantes na investigación para loitar contra a enfermidade

Hai campañas de cribados, novos métodos diagnósticos e tratamentos que melloran a supervivencia

G24.gal 04/02/2023 14:41 Última actualización 04/02/2023 18:26

Este sábado, 4 de febreiro, é o Día Mundial contra o Cancro e conmemórase con diferentes actos por toda España. O obxectivo é visibilizar a loita contra esta enfermidade e a importancia da prevención para mellorar os índices de supervivencia.

A pesar da parada durante a pandemia, nos últimos anos producíronse avances importantes na investigación contra o cancro en todos os campos: coas campañas de cribados, nos novos métodos diagnósticos e nos tratamentos, que melloran a supervivencia e a calidade de vida dos pacientes.

"As dúas grandes estratexias que se ven no futuro é atacar a célula tumoral dun xeito moi directo, moi dirixido e a outra gran liña é a inmunoterapia", di Rafael López, xefe do servizo de oncoloxía do hospital Clínico de Santiago.

No Centro de Investigación Médica Aplicada da Universidade de Navarra identificaron un xene clave no desenvolvemento e o tratamento do cancro de páncreas máis común. Trátase dun estudo "eminentemente preclínico"; os datos son "prometedores" pero aínda está lonxe de poder aplicarse en doentes.

"Puidemos atopar unha combinación de fármacos que recapitula o bloqueo directo deste xene e que neste contexto favorece unha actividade antitumoral", destaca  Silvestre Vicent, investigador do programa de tumores sólidos no Centro de Investigación Médica Aplicada (CIMA) na Universidade de Navarra.

E máis avances... No Instituto de Investigación do Vall d'Hebron deseñouse unha estratexia terapéutica que, aínda que se atopa tamén en fase preclínica, permitiría evitar a metástase en tumores de varios cancros infantís e tamén no cancro de mama.

"Esa proteína é tan importante que conseguimos bloqueala farmacoloxicamente de maneira efectiva, o proceso de metástase veríase moi interrompido", engade Josep Roma, investigador do grupo de cancro e enfermidades hematolóxicas infantís do Vall d'Hebron.

Segundo os investigadores, outros tipos de cancro tamén poderían ser susceptibles de ser tratados con este fármaco e lembran que o 90 % das mortes por esta enfermidade débense á formación de metástase.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade