Dimite a ministra do Interior, Suella Braverman, en plena crise do Goberno británico
Dimite a ministra do Interior, Suella Braverman, en plena crise do Goberno británico
Dixo que dá un paso atrás tras cometer "un erro que infrinxe as normas" ministeriais
A dimisión acontece entre as presións dentro do Partido Conservador para que Truss abandone Downing Street
A ministra británica do Interior, Suella Braverman, dimitiu este mércores tras asumir o seu cargo hai un mes e medio, coa chegada ao poder da primeira ministra conservadora, Liz Truss.
Nunha carta pública que explica os motivos da súa saínda do Goberno, a exavogada xeral do Estado explicou que deu un paso atrás tras cometer "un erro" que "infrinxe as normas" ministeriais.
"Durante o día de hoxe, enviei un documento oficial desde a miña conta persoal a un colega parlamentario no que confío" co o obxectivo de "recabar apoios para unha medida do Goberno sobre inmigración", relatou Braverman.
Suella Braverman admitiu que esa acción ía contra as regras: "O correcto é que marche", recalcou.
"O acto de gobernar ten que levarse a cabo por parte de persoas que aceptan a responsabilidade polos seus erros. Seguir adiante como se ninguén se decatase de nada e agardar que as cousas se amañen por arte de maxia non é serio en política", agregou Braverman.
A renuncia ten lugar entre crecentes presións dentro do Partido Conservador para que Truss abandone Downing Street, ante a tormenta financeira e a caída nas enquisas que provocou su masivo recorte de impostos, que se viu forzada a retirar.