Dispárase o número de tarxetas de crédito en circulación
Dispárase o número de tarxetas de crédito en circulación
Aumenta un 13 % o uso das tarxetas de crédito
Os bancos incentívanas con vantaxes para os usuarios, en detrimento das tarxetas de débito
É a cifra máis alta dos últimos cinco anos. España ten en circulación 41 millóns de tarxetas de crédito, case as mesmas que de débito. Con todo, a maioría prefire usar a de débito.
"Coa tarxeta de crédito non controlas tanto o gasto que fas mensualmente".
"O normal é que use a de débito, pois porque xa van cargadas na conta e non teño que andar pendente de se a fin de mes teño que ter mil ou cinco mil".
"Utilizo a tarxeta de débito porque me é máis cómodo utilizar os cartos que xa teño e non terlle que pagar ao banco despois xuros en caso de non poder pagar no seu momento", opinan varios usuarios.
As tarxetas de crédito permiten as compras aprazadas e son para os bancos un produto de maior rendibilidade, por iso están incentivando o seu uso, sobre todo agora que están subindo os tipos de xuro.
"O incremento dos tipos de xuro fai para as entidades financeiras un produto moi atractivo porque lembremos que os créditos ao consumo, a este consumo de crédito inmediato, son normalmente os que teñen os tipos de xuro máis altos, superando os dous díxitos, é dicir, estamos a falar moitas veces de tipos de xuro do 13, do 15, do 18 %", explica a economista María Cadaval.
É por iso que os bancos ofrecen máis vantaxes de contratación aos clientes que optan pola modalidade de crédito.
"Entendo que o negocio do banco é prestarlle cartos á xente e conseguir con iso cobrar xuros", comenta un home.
"Supoño que as opcións que valoran os bancos para os clientes sempre van en beneficio deles, co cal hai que ter coidado co que están ofrecendo", apunta outro.