Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os xogadores de risco non poderán pagar con tarxetas de crédito nas apostas

Os xogadores de risco non poderán pagar con tarxetas de crédito nas apostas

Esta medida obrígaos a empregar só medios a nome do xogador para evitar débedas a terceiros

As persoas que inicien sesión en páxinas de apostas deberán establecer límites de tempo e diñeiro

G24.gal 14/03/2024 18:02 Última actualización 15/03/2024 14:55

A partir de hoxe, os usuarios de xogos de azar online deben establecer un límite de tempo e de cartos antes de apostar. É unha das medidas do novo real decreto do Goberno para protexer os xogadores. Tamén establece máis garantías nos métodos de pagamento e advertencias para evitar o xogo intensivo.

A nova lexislación non afecta a videoxogos, máquinas comecartos ou apostas presenciais. Está pensada en exclusiva para os xogos de azar online, de todo tipo apostas deportivas, xogos tipo casino, póker ou slot, que son as máquinas comecartos online.

As entidades sociais que combaten a ludopatía celebran este real decreto pensado para crear un xogo máis seguro e tratar de evitar condutas que provoquen serios problemas financeiros.

A lexislación esixe, por exemplo, a fin das mensaxes enganosas que invitar o usuario a seguir xogando.

"Mensaxes moi sublimiais de que 'case gañas' ou 'por pouco', que o que fan é elaborar un nesgo cognitivo que invita a reiterar a aposta. Ademais, o que queres gastar, a anticipacióndo gasto máximo ten que facerse desde o comezo, que non se deixa nada á impulsividade ou compulsividade do momento", explica Juan Lamas, o director técnico da Federación Española de Xogadores de Azar Rehabilitados.

O operador é responsable desde hoxe de detectar que o usuario está a caer unha conduta de xogo intensivo e se é así debe limitar os métodos de pagamento. As tarxetas deben ser sempre nominais e debe haber avisos, como mínimo cada hora, co tempo e cartos que se levan gastados. Medidas que fan que os xogadores se cuestionen se teñen un problema.

A prohibicións inclúense no real decreto aprobado hai un ano polo Goberno, cunha trintena de medidas para evitar comportamentos problemáticos, principalmente entre os mozos de 18 a 25 anos, máis sensibles a mensaxes e patróns de xogo inadecuados.

A norma daba un prazo de 12 meses aos operadores de xogo para aplicar algunhas das disposicións. Entre elas, as que prohiben aos xogadores intensivos ou de risco empregar tarxetas de crédito, para evitar débedas imposibles de pagar, obrigándoos a usar só medios de pago ao seu nome, para impedir xerar débedas a terceiros.

Son considerados xogadores intensivos os que acumulan perdas netas iguais ou maiores a 600 euros, limitado a 200 euros no caso dos menores de 25 anos, nun prazo de tres semanas seguidas. Estas persoas serán consideradas de risco durante os seguintes dous anos.

Tempo de xogo e diñeiro por adiantado

Tamén dende este venres a todo o que inicie sesión para xogar aos denominados xogos de lotería instantánea ou presorteada, deberán establecer de antemán o tempo máximo e a contía para xogar, sen posibilidade de ser modificada mentres se está xogando.

Unha vez esgotado un dos dous condicionantes, tempo ou diñeiro, pecharase a sesión, unha vez conclúa a partida, man ou tirada en curso.

O obxectivo que se persegue, é que o xogador sexa quen de establecer os seus límites antes de comezar a xogar, de tal xeito que non se vexa condicionado polos avatares do xogo.

Outra das restricións será que as empresas non poderán enviar aos mozos de entre 18 e 25 anos actividades promocionais cun fin alleo á actividade de xogo desenvolta na web ou plataforma.

Así mesmo, tampouco os poderán incluílos en programas VIP de fidelización e estarán prohibidas as mensaxes enganosas no desenvolvemento dos xogos, como "case acertaches", "estiveches preto" ou semellantes.

Avisos cada hora aos xogadores

As páxinas web de apostas e xogos en liña estarán obrigadas a enviar, cando menos cada 60 minutos, unha mensaxe informativa de lectura obrigatoria para poder continuar xogando.

Estas mensaxes conterán información sobre a súa conduta de xogo durante a sesión, como o tempo xogado, as cantidades apostadas ou as perdas netas producidas.

O operador tamén deberá remitir unha mensaxe ao xogador cando obteña un premio e a diferenza entre a participación e o premio obtido sexa superior aos 5.000 euros.

Nesa comunicación, deberase ofrecer ao xogador a posibilidade de solicitar a transferencia do importe do premio mediante algún dos medios de pago que o operador establecese.

De acordo co real decreto aprobado o 14 de marzo de 2023, o seu incumprimento supoñerán multas de ata 50 millóns de euros por infraccións moi graves e a perda da licenza de xogo. Para as infaccións graves, as multas ascenden ata un millón de euros, puidendo carrexar a suspensión da licenza de xogo durante seis meses.

Esta norma, tras a que se regulou a publicidade de xogos de azar e apostas, que freou a entrada de novos xogadores, e con ela trátase de protexer a quen xa están dentro do mercado e xogan activamente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade