Doce concellos galegos celebran este venres os plenos de investidura
Doce concellos galegos celebran este venres os plenos de investidura
Os recursos sobre o reconto aprazaron a constitución dunha ducia de concellos, e Castro Caldelas deberá repetir os comicios
Un total de doce concellos galegos (dez na provincia da Coruña e dous na de Ourense) prevén constituírse este venres despois de ver aprazados os seus plenos para a conformación das novas corporacións saídas das eleccións municipais do pasado 28 de maio debido á presentación de recursos por diferentes causas.
Este é o caso de nove consistorios da comarca do Barbanza (Boiro, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Ribeira) e de Corcubión, de Carballeda de Valdeorras e de Celanova. Iso motiva tamén que se aprace a constitución das deputacións provinciais en ambas as provincias, que se conformarán entre os días 13 e 18.
Na maioría dos municipios está claro quen tomará o bastón de mando. Non así en Muros, A Pobra do Caramiñal e Noia, onde as negociacións entre os partidos seguen abertas a menos de 24 horas dos plenos.
Mantense a incógnita no concello de Muros, onde continúan as negociacións entre PSdG e BNG. Un acordo dos socialistas e nacionalistas, que suman sete edís, maioría absoluta, impediría á actual alcaldesa, a popular Inés Monteagudo, reter o bastón de mando.
En Noia, está por ver se hai unha reedición do bipartito entre PP e os independentes. Os socialistas propuxeron un cuadripartito con Marisol Villar como alcaldesa que non conta co aval do BNG, que estaría disposto a dar os seus votos ao PSdeG, pero non a Villar.
O escenario non está tampouco moi claro na Pobra do Caramiñal. O actual rexedor Xosé Luís PIñeiro, de Nós Pobra, tenta recuncar cun cuadripartito con PsdG, BNG e o partido Independentes por Pobra, escisión do PP. Sumaría así sete concelleiros fronte aos seis do PP.
No resto dos seis concellos do partido xudicial de Noia, o escenario está despexado. En Boiro gobernará o PSdeG con maioría absoluta, en Lousame repite o PP, en Mazaricos e Corcubión recunca o BNG.
En Porto do Son continuará á fronte da alcaldía o PP e en Outes gobernará Compromiso Outes cun tripartito con BNG e PSdG. No caso de Ribeira, o nacionalista Luís Pérez Barral farase co bastón de mando nun executivo con socialistas e un partido independente. Un pacto que pon fin a catro anos de goberno do PP en Ribeira.
Os recursos atrasaron os plenos de investidura
Os nove concellos do partido xudicial de Noia tiveron que esperar ata este 7 de xullo tendo en conta que se debía respectar o prazo para que os diferentes partidos políticos presentasen recursos contra a decisión da Xunta Electoral Central de desestimar unha denuncia do PSOE. Os socialistas pedían comprobar os 900 votos nulos rexistrados nesta zona tras quedar a só dez papeletas de obter un deputado provincial, que recaeu no Bloque.
Tamén se aprazou o pleno de investidura en Corcubión despois de que a formación PACOR recorrese ante a xunta electoral por unha papeleta do PP rotulada que fora contabilizada... O TSXG validou finalmente o voto ao PP, o cal reporta un edil máis aos populares, en detrimento do Partido Autónomo de Corcubión, que só conseguira un representante.
En Carballeda de Valdeorras, o único edil da oposición, José Antonio Iglesias, do independente Carballeda Renova, pediu que se repetisen os comicios por supostas irregularidades, pero a súa petición foi desestimada. O PP seguirá á fronte da alcaldía
En Celanova, a formación Celanova Decide pediu á Xunta Electoral Central o adiamento como medida cautelar ante o recurso contencioso que presentou debido a un erro na transmisión telemática dos resultados dunha mesa. En concreto, intercambiáronse as cifras dos votos recibidas entre Celanova Decide e o Partido Socialista, polo que non se corresponde co escrutinio da acta asinada na mesa. Finalmente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non admitiu o recurso de Celanova Decide. O alcalde en funcións, o independente Antonio Puga, en minoría, conta con conseguir o apoio de socialistas e nacionalistas.
Catro Caldelas, pendente de data para repetir as eleccións
Continuará pendente de constituírse a nova corporación de Castro Caldelas, tendo en conta que se terán que repetir as eleccións municipais ao detectarse que non se mantivo a cadea de custodia dun total de 118 votos emitidos por correo que non se contaron por sospeitas de irregularidade denunciadas polo PP.
A alcaldesa en funcións, a socialista Sara Inés Veiga, explicou que polo momento aínda non teñen data para esta repetición, que deberá ser convocada pola xunta electoral.