Dous detidos en Ferrol tras unha persecución policial que deixou dous axentes feridos

O vehículo implicado iniciou unha fuxida cando unha patrulla lle deu o alto

G24.gal 03/12/2023 20:44 Última actualización 03/12/2023 21:17

As rúas de Ferrol foron escenario dunha persecución policial de película que mobilizou todos os efectivos dispoñibles e deixou dous arrestados e dous policías feridos. Sucedeu no barrio de Caranza.

Unha patrulla da Policía Local deulle o alto a un coche que circulaba de forma temeraria, pero, no canto de deterse, continuou a marcha. Inmediatamente os axentes deron aviso ao resto de unidades e tamén á Policía Nacional.

O dispositivo tratou de interceptar o vehículo na rúa Juan de Austria, pero, novamente fixo caso omiso, e golpeou na fuxida un dos coches patrulla. A escapada rematou na avenida do Mar. O condutor e o seu acompañante foron detidos e trasladados á comisaría de Ferrol.

Dous axentes foron atendidos no servizo de urxencias do hospital Juan Cardona, un cunha fisura no fémur e o outro, con dores cervicais e nos pulsos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade